Juan Pan Montojo responde a "Pode o pasado xerar novos imaxinarios sobre un futuro máis sustentable?"

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza ten un ollo posto no pasado e busca imaxinar un futuro sustentable partindo dunha herdanza biocultural que aínda subxace nas comunidades que habitan o territorio. Non se pretende regresar a un pasado prístino senón recuperar e valorizar unhas aprendizaxes que foron en moitos casos denostadas en aras do desenvolvismo. Baixo esta inquietude abrimos unha investigación coas propias comunidades e tamén lanzamos unha serie de reflexións con profesores convidados cos que pretendemos seguir construíndo estes convites ao diálogo.

Nesta ocasión facémolo con Juan Pan Montojo, Catedrático da Universidade Autónoma de Madrid e especialista en políticas económicas (especialmente agrarias e fiscais), as institucións estatais, as organizacións corporativas, as redes e grupos de interese socioeconómicos e a historia da enxeñería.

A pregunta que guía a resposta é Pode o pasado xerar novos imaxinarios sobre un futuro máis sustentable?, reproducimos aquí o texto, que non é tanto un artigo de investigación, senón unha base argumental sobre a que seguir debatendo:

Pode o pasado xerar novos imaxinarios sobre un futuro máis sustentable?

Juan Pan Montojo – Catedrático de Historia Contemporánea da Universidad Autónoma de Madrid

Nas últimas décadas, as diversas disciplinas vinculadas ao mundo rural foron superando o menosprezo dos saberes locais que empezou a fraguarse na mirada dos agrónomos afeccionados e autores agrarios da Ilustración e alcanzou as súas máximas expresións no curso da coñecida fóra de Europa e América como revolución verde. Se os agrónomos decimonónicos aínda prestaron certa atención a sementes, variedades, razas de gandos maior e menor, apeiros, labores, sistemas de poda e outros elementos dos procesos produtivos locais, no século XX, e en especial na súa segunda metade, a presión combinada da tecno-ciencia pública e da agroindustria acabaron por defender e impoñer paquetes tecnolóxicos que pretendían estandarizar plantas, animais, procesos produtivos e produtos finais, e que, simultaneamente, obrigaban a mercantilizar os insumos produtivos, incluíndo de forma destacada os recursos enerxéticos. Destruíronse dese modo coñecementos locais que recollían unha longa tradición de construción de agroecosistemas e de adaptación a condicións ambientais cambiantes, como a historia do clima puxo de manifesto, e a escenarios sociais dinámicos, como a superación da dicotomía tradicional-moderno por parte da historiografía revelou. Antes de que se chegase a ese punto no relativo á produción agrícola, gandeira e forestal, antigas propostas de manter no ámbito das economías familiares actividades de primeira e segunda transformación agraria ou de autoprodución ou produción para o mercado de téxtiles, calzado, utillaje, abelorios… foron desbordadas por tecnoloxías pensadas para escalas e/ou niveis de especialización produtiva que desbordaba as familias e mesmo as comunidades rurais. A reivindicación do small is beautiful de Schumacher en 1975 chegou demasiado tarde e tivo pouco eco, no medio da crise económica que socavou os fundamentos da industria fordista e da súa produción en masa, pero sobre todo trouxo consigo unha nova organización das empresas, o redeseño externo dos produtos e a aceleración da súa obsolescencia, á vez que unha maior deslocalización de fases cruciais da cadea de produción.

As formas de producir das comunidades do pasado, as relacións entre as persoas e os obxectos materiais, as institucións de xestión de espazos e recursos comúns ou colectivos e de resolución de conflitos interfamiliares e interpersoais que actuaban antes da extensión das axencias públicas, a gama e variedade de solucións produtivas existentes antes da extensión da revolución verde e da destrución da industria doméstica ou comunitaria ofrécennos moitos elementos para unha economía sustentable. Non se trata de copiar as solucións do pasado e regresar a un pasado “ idealizado”, a arcadias rurais inexistentes: non sería social, cultural e politicamente viable e non sería, en moitos sentidos (entre eles polo tipo de relacións entre grupos de status e de clase, xéneros e grupos de idade que fundaban socialmente ese mundo), desexable. Trátase de coñecer as formas de producir e consumir locais desaparecidas para aproveitar un inmenso caudal de solucións produtivas adaptadas ao medio, de dimensións máis manexables na súa integridade por grupos pequenos (e nese sentido máis satisfactorias para os produtores, como o toyotismo puxo de manifesto hai décadas na súa reconsideración da cadea de montaxe), con gastos de enerxía moito máis aceptables e cunha xeración de refugallos e residuos máis limitada, mediante unha reciclaxe e sobre todo unha reutilización –a gran materia pendente no noso país- sistemáticos, como o que tiña lugar nun mundo de escaseza como o existente ata hai pouco tempo. Reler esas institucións e esas formas de producir alimentos e manufacturas á luz dos nosos coñecementos tecnolóxicos e das nosas necesidades colectivas pode ser o punto de partida, de feito, xa está a ser o punto de partida, dunha nova agricultura e unha nova industria.

Non se trata de copiar as solucións do pasado e regresar a un pasado “ idealizado”, a arcadias rurais inexistentes: non sería social, cultural e politicamente viable e non sería, en moitos sentidos (entre eles polo tipo de relacións entre grupos de status e de clase, xéneros e grupos de idade que fundaban socialmente ese mundo), desexable.

Os coñecementos locais eran coñecementos frecuentemente orais, transmitidos de xeración en xeración por medio do traballo dos nenos á beira dos adultos e modificados grazas a procesos de innovación individual e colectiva, que pasaban de boca a boca en camiños, reunións para o traballo colectivo, atrios das igrexas, lavadoiros, muíños, tabernas, feiras, romarías e festas. Unha parte ampla deses coñecementos son quizá irrecuperables, pero contamos con máis pegadas escritas e materiais das que normalmente se pensa. E aínda hai moitas persoas vivas que poden lembrar prácticas desaparecidas. O traballo é inmenso, aínda que non parta nin moito menos de cero, debido a que, nos últimos anos, estudosos locais, etnógrafos afeccionados ou profesionais, iniciativas turísticas e museísticas municipais e outras moitas iniciativas viñeron a completar traballos de corte máis académico ou aproximacións literarias preexistentes.

Os coñecementos locais eran coñecementos frecuentemente orais, transmitidos de xeración en xeración por medio do traballo dos nenos á beira dos adultos e modificados grazas a procesos de innovación individual e colectiva, que pasaban de boca a boca en camiños, reunións para o traballo colectivo, atrios das igrexas, lavadoiros, muíños, tabernas, feiras, romarías e festas.

A colaboración entre “profesionais”, “profesores” e “expertos” e “sabios” locais e de todos eles con voluntarios poden xerar un gran volume de coñecemento nun tempo relativamente curto.

Publicacións relacionadas