Breve historia dos montes veciñais. A resistencia do común dos veciños

Os montes de veciños de Galicia son froito dunha historia longa e complexa. Turbulenta e conflitiva por un lado, pero polo outro amosan a incrible fortaleza histórica que as comunidades locais tiveron para definir e manexar o seu territorio incluso fronte a axentes externos con grande capacidade de intervención. A mellor proba desa fortaleza está en que hoxe en Galicia existen 3.000 comunidades de montes e que ocupan preto de 700.000 hectáreas de superficie do país. Unha parte substancial do territorio ocupado polos montes (mais de dous millóns de hectáreas en total), maioritaria de feito en moitas comarcas da metade sur de Galicia, está xestionada por esta figura pouco coñecida, a pesares de que abrangue a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos habitantes de Galicia.

Montes veciñais en mancomún na península do Barbanza e en Galicia. Porcentaxe sobre o total do territorio

A supervivencia dunha propiedade colectiva deste calibre é certamente excepcional, aínda que non única, nunha Europa que dende o século XIX se esforzou en adoptar un modelo de propiedade ben clarificada, onde o predominio da propiedade privada individual foi o modelo preferido. Unha propiedade colectiva que, ademais, e a diferencia da maioría de Europa, non é pública senón privada. Non pertence a ningunha administración senón ó conxunto dos veciños en tanto que tales, sen distinción de partes nin diferenzas económicas. Agora ben, se temos en conta que entre o paso do século XVIII e XIX a inmensa maioría dos máis de dous millóns de hectáreas de monte existentes en Galicia estaban sometidas a algunha das varias tipoloxías de propiedade colectiva, das que a veciñal era a principal, podémonos facer unha idea da turbulencia histórica á que estas superficies foron sometidas ó longo dos dous últimos séculos. Privatización vía desamortización no século XIX, e intervención pública de carácter forestal son, por esa orde, as dúas grandes políticas estatais cara os comunais (aquí e no resto do Estado). De feito, dende a primeira metade do século XIX, a propiedade veciñal desaparece xuridicamente, sendo estes espazos atribuídos á propiedade pública de carácter municipal (figura estraña á organización territorial en aldeas e parroquias maioritaria en Galicia). Dende aquela revolución liberal ata as leis de recoñecemento da propiedade veciñal (1968, 1980 e 1989) os montes de veciños non existen para a Lei e o Estado, aínda que si existan para a vida cotiá das comunidades locais.

En Galicia, os montes de veciños abranguen a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos seus habitantes. Trátase dunha propiedade colectiva que, ademais, e a diferencia da maioría de Europa, non é pública senón privada. Non pertence a ningunha administración senón ó conxunto dos veciños en tanto que tales, sen distinción de partes nin diferenzas económicas.

A historia xurídica das comunidades de montes non é o que máis nos interesa en clave ecosocial, pero abre dúas preguntas moi relevantes para coñecer a relación entre casas, aldeas e organización do territorio; primeira: que pasou coas superficies que hoxe non son de carácter colectivo?; segunda: que explica que os montes de veciños sobrevivisen a máis de século e medio de inexistencia legal e hoxe xoguen un papel territorial central en moitas comarcas? Aínda que a pregunta e dobre, a resposta é a mesma, a capacidade de resistencia das comunidades locais e a importancia do papel que os montes xogaban para a reprodución das casas labregas. A diferencia doutras partes do Estado e de Europa, a individualización/privatización dos montes de veciños nos se realizou polas desamortizacións do século XIX, senón por individualización campesiña, e nun período moito máis longo, que os historiadores da época moderna rastrexan no século XVIII e os contemporaneistas prolongan ata os anos da ditadura franquista. Foi unha individualización propietarizadora e non desposuidora que hai que relacionar co outro gran proceso de propietarización contemporánea no mundo rural galego, a redención foral. Ambos os dous conxuntamente xogan un papel central na configuración de Galicia como país de labregos. Así mesmo naqueles lugares onde os montes veciñais perviviron seguiron a ser, na práctica, xestionados polos veciños dos lugares e non polos concellos por moito que a Lei lles atribuíra a titularidade.

Para entender esta capacidade colectiva para limitar a aplicación dunha das políticas centrais do Estado liberal do século XIX debemos saber que estas superficies nin estaban incultas nin eran un mero complemento ás economías familiares. Temos que entender o uso que tiñan e a función que cumprían. Os montes de veciños eran dende moi antigo o sostén que permitía a reprodución da agricultura familiar, aportando fertilizante, alimento para o gando, leña e madeira e multitude de produtos menores. Pero cando o sistema agrario se revolucione co millo, a pataca e os prados despois de mediados do século XVIII será tamén o monte (tamén revolucionado no seu manexo) o motor da elevada produtividade da agricultura galega nun contexto onde non existían insumos de orixe industrial. Os montes non eran un complemento do sistema agrario orgánico fundamentado no manexo da Natureza, eran un elemento esencial do mesmo. E ademais hai que ter en conta que ademais de manter ao mundo labrego, aquel sistema agrario era a base da economía de outros sectores sociais, de carácter rendista, os que dominaban o poder político en concellos e deputacións na Galicia decimonónica. Isto tamén explica que, a diferencia doutros lugares, onde a desamortización é decididamente apoiada polos poderes locais, en Galicia houbese durante todo o século XIX un elevado consenso para que os montes permaneceran en mans campesiñas, por vía de reparto entre as casas ou mantendo as aldeas o carácter colectivo dos montes.

Os montes de veciños eran dende moi antigo o sostén que permitía a reprodución da agricultura familiar, aportando fertilizante, alimento para o gando, leña e madeira e multitude de produtos menores.

Neste breve vídeo José Rodríguez Cao que foi entrevistado no marco do proxecto cóntanos os usos do monte previos ao franquismo, asi como a xestión comunal por parte dos veciños.

Ata 1936 as comunidades locais dirixen a articulación dos seus agroecosistemas locais, nunha sorte de ordenación do territorio de base endóxena, que só será rota despois da Guerra Civil. O Estado liberal decimonónico non logrou alterar os equilibrios de poder pero despois do golpe e da guerra o Estado franquista non só terá o interese de intervir nos montes do noroeste, senón tamén a forza suficiente para facelo. Foi posible por varias razóns. Por exemplo porque a desaparición do rendista coa propietarización campesiña no primeiro terzo do século XX rompe o anterior equilibrio social. Pero sobre todo é o novo contexto derivado da violencia coa que se instaura o novo estado totalitario, o cambio nos poderes locais e a destrución da sociedade civil libre a que explica que a ditadura consiga por primeira vez converter en efectiva unha expropiación que ata entón fora tan só nominal.

Son os tempos da repoboación e da Forestal. Nos anos corenta, cincuenta e sesenta a realización de consorcios entre o novo instrumento forestal do franquismo, o Patrimonio Forestal del Estado, e os concellos non só impide a xestión polos veciños, senón que altera substancialmente os equilibrios dos agroecosistemas, substituíndo uns manexos multifuncionais por unha orientación forestal autárquica, produtivista e excluínte de calquera outro uso. E aínda así, malia o contexto dunha ditadura que usa os gardas civís e forestais, as comunidades locais van respostar conflitivamente contra estas políticas, dificultando, mesmo impedindo unha xestión forestal eficaz polo PFE, aínda que non puideron evitar a expropiación.

Nos anos corenta, cincuenta e sesenta a realización de consorcios entre o novo instrumento forestal do franquismo, o Patrimonio Forestal del Estado, e os concellos non só impide a xestión polos veciños, senón que altera substancialmente os equilibrios dos agroecosistemas, substituíndo uns manexos multifuncionais por unha orientación forestal autárquica, produtivista e excluínte de calquera outro uso. […] Pero en algúns casos as comunidades están sabendo buscar novas formas de reintegrar os montes ó territorio, reaproveitando saberes e usos coñecidos das aldeas e reinventando unha nova multifuncionalidade alonxada dos monocultivos forestais.

Pero toda esta conflitividade soterrada permite entender as razóns de porque foi na propia ditadura cando se acepta, coa lexislación de 1968, iniciar un camiño de volta que, xa en democracia, devolverá moitos montes ás comunidades. Foi este intervencionismo forestal, máis que a expropiación en si, a herdanza máis duradeira da ditadura na articulación do territorio. Alterou irreversiblemente os equilibrios territoriais, facendo inviábeis moitas explotacións, expulsando moitos veciños que necesitaban do monte e xogando un papel central na adopción do modelo de agricultura industrial en Galicia nas décadas dos sesenta e setenta. Desta maneira os montes de veciños de hoxe teñen pouco que ver, salvo excepcións, produtivamente cos montes veciñais anteriores a 1936. Pero en algúns casos as comunidades están sabendo buscar novas formas de reintegrar os montes ó territorio, reaproveitando saberes e usos coñecidos das aldeas e reinventando unha nova multifuncionalidade alonxada dos monocultivos forestais.

Publicacións relacionadas

Educación para a transformación do territorio: a experiencia do IES Félix Muriel de Rianxo Laboratorio Ecosocial do Barbanza – HISTAGRA / GESPIC A finais de marzo de 2019, o fume …
Unha parte substancial do territorio ocupado polos montes (máis de dous millóns de hectáreas en total), maioritaria de feito en moitas comarcas da metade sur de Galicia, está xestionada por comunidades de montes veciñais en mancomún, unha figura pouco coñecida, a pesar de que engloba a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos habitantes de Galicia.
De entre todos os tópicos cos que se adoita explicar Galicia, o individualismo é, sen dúbida, un dos que se presenta con máis frecuencia y maior fortaleza. A pesar disto, o sentido colectivo aínda prevalece no rural, canto menos con máis forza que noutros ámbitos da nosa sociedade.
Localizadas á beira do río Ulla, xa no seu curso final, ben preto da desembocadura na ría de Arousa, as Brañas de Laíño (Dodro) representan unha das maiores zonas húmidas de Galicia. Historicamente o seu uso foi comunal, aínda que na actualidade non son recoñecidas oficialmente como espazo comunal nin teñen manexo por parte dos veciños.
barbanzaecosocial.org albergará os artígos elaborados no marco do proyecto, fragmentos das entrevistas realizadas e un mapa interactivo con múltiples funcionalidades que permitirá comprender os cambios que se produciron no territorio nos últimos 70 anos.
08/04/24 | O Laboratorio pon en marcha unha serie de xornadas de voluntariado no Barbanza co el obxectivo de implicar á cidadanía na recuperación da biodiversidade.