Aquén de investigar, unhas notas sobre o seu fundamento

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, construído entre o Grupo Histagra e a Fundación RIA, é un espazo pioneiro de investigación e acción que pretende afianzar propostas ecoagroinnovadoras que axuden a transitar o territorio cara prácticas máis sustentables. Este proceso debe partir da mobilización das vontades locais, as propias comunidades que habitan o territorio son as protagonistas dun camiño que a ollos da realidade actual antóllase necesario. A transición ecosocial é unha aposta por evitar a barbarie. As relacións do ser humano coa natureza deben mudar, a dominación que exercemos sobre a terra, o extractivismo e os propios valores, imaxinarios e éticas asociadas as teorías desenvolvementistas deben ser reconfigurados. Non hai un crecemento infinito nin existe o éxito individual na cuestión ambiental que atinxe a toda a Humanidade, somos interdependentes, cooperativos, non unha suma de individuos. As interaccións sociais non teñen como única medida o mercado. A herdanza e o legado ás xeracións futuras é un exercicio de corresponsabilidade do que organismos como a ONU, a FAO e a UE fannos cada vez máis conscientes. Facilitar e impulsar mecanismos que revirtan o colapso é unha responsabilidade de todos e por suposto da Academia. Para un futuro sustentable, o que podemos aportar como historiadores e expertos no territorio é a indagación de como trouxemos este caos e que prácticas sustentables de manexo agroecolóxico podemos recuperar ou identificar como resilientes aínda.

Para un futuro sustentable, o que podemos aportar como historiadores e expertos no territorio é a indagación de como trouxemos este caos e que prácticas sustentables de manexo agroecolóxico podemos recuperar ou identificar como resilientes aínda.

A participación do grupo de investigación HISTAGRA no deseño e execución dun proxecto coma este é a manifestación da concepción de que a ciencia non é neutra, abre preguntas e comprométese co real. A bagaxe de investigación en teses, artigos e libros ten demostrado como Galicia foi un territorio manexado baixo claves orgánicas moi intensivas ata os anos trinta do século pasado. O franquismo e a Revolución Verde supuxeron unha fenda, mais ante os resultados e as inercias do desenvolvementismo aínda perviven procesos e manexos que procuran alternativas máis sustentables. Estes procesos non se desenvolven só por activistas mozos e movementos sociais vangardistas, están aínda no cotiá e son o resultado dunha transmisión de saberes e valores e de formas de estar no mundo que teñen un sustrato histórico e cultural moi forte, son a plasmación dunha memoria, dun intercambio de prácticas transxeracionais e o resultado de procesos de innovación lenta nuns casos, pero máis rápida noutros. Ollar o mundo a través da historia require sempre superar a nostalxia do pasado para reconstruír as nosas xenealoxías en toda a súa complexidade e con todas as súas contradiccións e alternativas.

O franquismo e a Revolución Verde supuxeron unha fenda, mais ante os resultados e as inercias do desenrolismo aínda perviven procesos e manexos que procuran alternativas máis sustentables.

O obxectivo da primeira fase de investigación do Laboratorio Ecosocial é coñecer eses trazos do manexo sustentable e orgánico do agro que perviven, así como atender a esa memoria labrega de manexos do territorio. Tamén identificar as inercias perturbadoras da sustentabilidade que arraigaron no pasado. Coa creación da Cartografía do Manexo Histórico do Territorio atendemos a ese conxunto de saberes relacionados coa xestión da terra, das interdependencias, dos canais de comercialización, da relación do común coa casa e daquelas pegadas históricas que poidan axudar a xerar uns novos imaxinarios partindo dunha reconstrucción histórica das comunidades e os seus manexos dos agroecosistemas. Os tempos mudaron, non cabe dúbida, mais hai espazo para recuperar lóxicas de manexo e cosmovisións que rendiron resultados positivos e por iso perduraran no tempo. Aínda que hoxe as identifiquemos polo sabor e non polo labor: o sabor dos grelos, das patacas, do mel de uces ou do porco ben cebado de castañas.

A fonte oral volve ocupar un papel fundamental para rastrexar esa memoria, en moitos casos, esquecida, escurecida ou subalterna. Coa “prudencia do investigador”, como compromiso ético, procúrase reconstruir a memoria da comunidade, recuperala fronte “á enorme prepotencia da posteridade”, poder extraer toda esa información soterrada, doméstica, agochada. E coa memoria das persoas aparecen tamén as cartas, as escrituras, as fotografías do mundo que foi. Non se trata só de facer a memoria da comunidade, senón pensala en termos de transición ecosocial, que hai do pasado que poidamos recuperar para facer a transición socioecolóxica. Para iso cómpre estudar as relacións/interdependencias entre a casa e a aldea, entre o doméstico e o colectivo, a través das relacións productivas, identitarias e institucionais. Debemos atender a esas interrelacións ecosistémicas co territorio, coas augas, entre a sociedade, coas enerxías, co monte, cos animais, co lecer, cos coidados e de como poñían a vida no centro. Tamén nas súas relacións cos mercados.

Non se trata só de facer a memoria da comunidade, senón pensala en termos de transición ecosocial, que hai do pasado que poidamos recuperar para facer a transición socioecolóxica.

Grazas as moitas horas de entrevistas realizadas no Barbanza, puidemos ir indagando en cuestións relacionadas cos usos do territorio, formas de manexo, cambios de uso, historia da familia, comunidade, acollida, redes informais, usos do tempo, migracións, valores, xénero, traballos comunitarios, regulación colectiva, asociacionismo, conflitos, desigualdade, igrexa, mercado, modos de alimentación, comercialización, traballo, entreaxudas… Estes conceptos foron as etiquetas coas que se indexaron os fragmentos das entrevistas. Cada entrevista foi segmentada en fragmentos baixo un riguroso protocolo, os 300 fragmentos e máis as entrevistas completas están depositadas no arquivo dixital Terra e Memoria (USC), un repositorio web de libre acceso e que permitirá novos usos da investigación. O uso das licencias Creative Commons e a apertura ao uso das fontes é un compromiso de retorno da investigación coas propias comunidades coas que realizamos este exercicio de indagación.

 
Mapa conceptual para a determinación das etiquetas temáticas dos fragmentos das entrevistas

Grazas as moitas horas de entrevistas realizadas no Barbanza, puidemos ir indagando en cuestións relacionadas cos usos do territorio, formas de manexo, cambios de uso, historia da familia, comunidade, acollida, redes informais, usos do tempo, migracións, valores, xénero, traballos comunitarios, regulación colectiva, asociacionismo, conflitos, desigualdade, igrexa, mercado, modos de alimentación, comercialización, traballo, entreaxudas.

Á vez, as visitas e traballos de campo permitiron coñecer de primeira man o lugar, camiñalo e pisalo nun acto de comprensión do territorio no que fomos guiados polos entrevistados ou polos paisanos que saían ao paso. Só así podemos achegarnos a concebir a paisaxe alén da foto ou o mapa como o resultado dunha interacción dinámica do ser humano e non humano coa natureza. A paisaxe é resultado dunha intelixencia colectiva, pragada de conflitos e mexida por múltiples intereses. As presións sobre o manexo do territorio foron mudando ao longo do tempo. Desentrañar estes procesos é tamén obxectivo da investigación do Laboratorio Ecosocial. Deste procesos fican achegas documentais que foron dando conta destas realidades: os arquivos locais son testemuñas escritas de conflictos, de usos e de diferentes cosmovisións enfrontadas; os papeis albergados describen feitos, a súa lectura vai alén da palabra e permite aos historiadores reconstruir o pasado; a denuncia pola ocupación privada dun monte veciñal, por exemplo, non só fala diso, explica tamén os usos que había, as tensións e presións que se exercían sobre o territorio… De aí a importancia do coñecemento histórico e da comprensión dos procesos para desentrañar aquilo que está escrito pero non se le. Con todo iso intentamos reconstruir unha cartografía de usos históricos e de manexos das aldeas que inclúa mudanzas, adaptacións e innovacións labregas nun contexto orgánico moi cambiante ao longo dos últimos trescentos anos.  E tamén un catálogo das prácticas sociais que as construíron na súa relación coa natureza que van transformando.

Debemos explorar e experimentar soportes que cheguen a cidadanía, e retroalimenten a investigación, que abran debates e así, dalgún xeito, contribuir a mobilizar esas vontades que nos axuden, a todos, a avanzar cara a ineludible transición ecosocial.

A sistematización do proceso, determinar as preguntas, as metodoloxías e focalizar a ollada son as chaves que nos permitirán traballar cunhas fontes axeitadas, para extraer a información que se materializará en coñecemento. En cartografía e catálogo. Co obxectivo de amplificar as comunidades ás que nos diriximos, ao longo do proceso de investigación, a difusión dese saber irase amosando a través de pílulas argumentais en formato texto, audio, video ou mediante infografías e planos.  Logo virán tamén os artigos académicos que recollan os resultados da investigación. Debemos explorar e experimentar soportes que cheguen a cidadanía, e retroalimenten a investigación, que abran debates e así, dalgún xeito, contribuir a mobilizar esas vontades que nos axuden, a todos, a avanzar cara a ineludible transición ecosocial.

Publicacións relacionadas

Unha parte substancial do territorio ocupado polos montes (máis de dous millóns de hectáreas en total), maioritaria de feito en moitas comarcas da metade sur de Galicia, está xestionada por comunidades de montes veciñais en mancomún, unha figura pouco coñecida, a pesar de que engloba a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos habitantes de Galicia.
03/10/24 | As “Xornadas por un Monte Vivo” convocadas en Taragoña e Leiro (Rianxo) este sábado 5 e domingo 6 de outubro foron aprazadas polas condiciones meteorolóxicas.
10/03/24 | Xa está en marcha a plataforma de contratación, un portal de emprego verde para fortalecer a economía local do Barbanza.
A de Froxán (Lousame) é unha aldea marcada por ser unha das tres que foi ocupada a finais do S.XIX polas minas de San Finx para explotar o Volframio, que fixo que terreos do común fosen ocupados e que se lle fose negado o seu manexo á poboación local.
Educación para a transformación do territorio: a experiencia do IES Félix Muriel de Rianxo Laboratorio Ecosocial do Barbanza – HISTAGRA / GESPIC A finais de marzo de 2019, o fume …
27/02/24 | As seis entidades socias do Laboratorio Ecosocial del Barbanza reúnense en Rianxo para dar inicio a unha nova fase do proxecto ao abeiro da Fundación Biodiversidad.